terça-feira, 15 de dezembro de 2009

27 de decembro de 2009 ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá


Domingo, 27 de decembro ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá:
Entrega de Premios do XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA. Presenta: Amparo Becerra e Rafa Ramos. Fan a entrega dos galardóns os representantes das institucións colaboradoras (Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Concello de Becerreá)
Conversa coa escritora YOLANDA CASTAÑO, protagonista da XVIII NOITE POÉTICA A PIPA 09. Entrevista a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
Proxección de dúas pezas de VIDEOCREACIÓN de Yolanda Castaño.
Recital de textos na voz da autora.
Brinde e cóctel.
Esperámosvos!
(Entrada de balde)

Cartel XVIII Noite Poética A Pipa 09 con Yolanda Castaño




quarta-feira, 25 de novembro de 2009

XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA


XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
CONVOCÁMOSVOS a participar con POEMAS (máximo 50 versos) e/ou RELATOS (máximo 5 folios por unha soa cara a dobre espazo).
A data límite de presentación remata o martes 22 de decembro de 2009.
Os escritos debedes envialos anónimos, sinalando a CATEGORÍA na que participades (INFANTIL: de 8 a 14 anos. XUVENIL: DE 14 A 18 anos. ADULTO: máis de 18 anos) e a MODALIDADE (POESÍA e/ou RELATO), acompañados dun sobre pechado dentro do cal vaian os datos da/o autor/a (nome e apelidos, currículum, enderezo e teléfono).
Isto debedes envialo ou entregalo en:
XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
Rúa Ancares, 57.
27640 BECERREÁ (LUGO)
(Podedes consultar as bases xerais neste mesmo blog ou a través da nosa web: www.apipadebecerrea.com)

sexta-feira, 17 de julho de 2009

sábado, 30 de maio de 2009

MEMORIA, INFANCIA E TERRA. Por Afonso Becerra de Becerreá


"MEMORIA, INFANCIA E TERRA"

Por Afonso Becerra de Becerreá

Do libro HOMENAXE A NEIRA VILAS E A BALBINO O NENO LABREGO (Edicións Ismael González P.C., S.L. - ISBN: 978-84-612-9058-1)


A memoria somos nós, cadaquén coa súa propia e coa colectiva como suma e síntese. Sen memoria non hai identidade. Igual que sen raíces non hai árbore, sen infancia non hai persoa. O locus amoenus do verso de Rilke volve sempre: a patria do ser humano é a infancia!


Balbino, o neno de Neira Vilas, e María, a nena de Xohana Torres, son dous expoñentes do ser humano en potencia, da descuberta do mundo… da ilusión dos soños, e da aprendizaxe que se abre tralas primeiras feridas. O que nos queda de nenos ós adultos está en Balbino e en María, como arquetipos galegos e universais da nenez e da viaxe fóra dela.


Crecer é facerse preguntas a cotío, observalo todo, esculcar cada recuncho ata atoparlle a alma (a razón) as cousas. Aburar a curiosidade encirrada polos desacougos da vida. Recoñecer o dinamismo perpetuo da verdade. “Nós vimos ó mundo cunha alforxa de perguntas. As cousas éntrannos polos ollos, pola boca, polas orellas, e queremos adeprender o seu nome e siñificado”, anota Balbino no seu caderno. “Todos os días estase a refacer a verdade. Fai unha chea de tempo que non oio falar seriamente do “Ángel de la Guarda”, nin dos Reis Magos. E quen sabe cantas cousas máis que hoxe teño por certas irán cambeando en min. Voume alonxando do berce, coma quen dis”.
A mirada nova e limpa que se sorprende co que acontece ó seu redor, e o exercicio da escrita que a estrutura, fan do neno un pensador. A reflexión vólveo crítico e sabio, pero sobre todo humilde, porque é un neno con conciencia de clase, é un labrego, “un ninguén”. “- Balbino [díxolle Eladia, a mestra], ti eres o máis adiantado. Non collas fachenda por eso, pois todos iñoramos máis do que sabemos”. Pero ese neno labrego é “un ninguén” revolucionario, porque pensa, porque analiza a realidade e é capaz de proxectarse na loita humilde do cotiá. A pedrada ó señorito Manolito e o abandono do fogar submiso son índice dun novo camiño e do afastamento, alomenos mental, da clase escrava e resignada que está na base da sociedade galega.
Este neno é moi especial, cavila sobre todo o que acontece ó seu redor e sobre o que lle acontece a el mesmo. O pensamento deita unha distancia a respecto da vida, facéndolle crecer e profundar nos infindos misterios que agocha cada cousa. Neste senso, o neno pensador séntese un pouco só, illado do resto da xente, máis preocupada pola simple supervivencia. “Se poidese entender moitas cousas! Ou falar tansiquera delas; contarlle ós demáis as miñas cavilacións. Pero xa o teño feito e rínseme. E a min doime. Doime que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: percurando somentes pesebre”. Tamén engade, na mesma dirección: “Os que non pensan non merecen ser persoas” e “A xente que non fai traballar o miolo deberíase anagar e ir polo monte enriba de catro patas.”
O mesmo exercicio constante da reflexión e da análise da realidade non invalida o da fantasía. Así fronte ó descrédito dos ditados da Igrexa, que coutan a liberdade das persoas sementando temores e fomentando a ignorancia, o neno profesa a relixión animista – panteísta de espírito lúdico, as fogueiras do Solsticio de Verán (cristianizado de San Xoán), as meigas, a herba de namorar, a linguaxe dos animais, a aceptación do corpo e as emocións... nun vitalismo materialista moi galaico que choca con certa hipocrisía. “A xente por dentro debe andar triste ou leda por outras cousas, pero non cando llo manda o almanaque. A troula da mascarada, igoal que a tristura obrigada da coresma, son pra vestir por fóra, penso eu.”


A espontaneidade e a sinceridade desde o coñecemento e a reflexión son un exercicio ético de coherencia e valentía, fronte a regulamentos sociais baseados na falsidade. Mentres que a espontaneidade naif e irreflexiva é un exercicio frívolo baseado en que a ignorancia é moi atrevida, con máis probabilidades de errar que de acertar. O neno labrego de Neira Vilas é un neno que quere saber, un neno capaz de estar por riba das continxencias comúns á vez que se implica nelas. Un neno que coñece o esforzo e a loita. Que asiste á xénese e á morte, de cara, sen eufemismos nin proteccións esterilizadoras. Un neno que se contamina, que funde as mans na terra e aprende dela.


Neste libro conxúgase a máxima sinxeleza, alomenos en aparencia, coa máxima profundidade naquilo que vén sendo a cerna do humano, xunto coa capacidade abraiante de emocionarnos. Arreguízanos o tránsito imparable da idade, que nos leva. Arreguízanos a necesidade imperiosa de saber o que non se pode, ou de saírmos da burbulla do “eu” e rompermos a pel para comungar co “nós”. E o arreguizo está na memoria, e ela feita del.


Entre Balbino e o lector, malia a distancia e as enormes diferenzas que poida haber, prodúcese un entendemento alén das palabras. Quizais porque nas memorias de moitos de nós, incluídas as últimas xeracións ás que pertence quen asina estas liñas, aínda fica o neno labrego, con todo o que iso implica.


Afonso Becerra de Becerreá
Vilar de Ousón, 23 de marzo de 2008.

HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO


HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO DE NEIRA VILAS
No Verbum (Casa das Palabras) de Vigo
Hoxe, 30 de maio celebrouse unha homenaxe a Balbino, o xa mítico protagonista da novela MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de Xosé Neira Vilas. O acto foi organizado polo produtor cinematográfico e filántropo galego ISMAEL GONZÁLEZ, coa complicidade e colaboración do filósofo AVELINO MULEIRO.

Ao VERBUM (Museo das Palabras de Vigo) acudiron XOSÉ NEIRA VILAS e ANISIA MIRANDA. Alí puidemos escoitar os relatorios de Avelino Muleiro, do catedrádito de Filosfía Ramón Regueira, do escritor e membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e, finalmente, as palabras de agradecemento de Neira Vilas. Entre tanto escoitamos ao grupo A QUENLLA, e vimos un documental sobre MEMORIAS DUN NENO LABREGO dirixido por Xan Leira e Ismael González.

Entre as/os asistentes atopábanse, a nosa amiga, a poeta, María do Carme Krukenberg, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, a escritora e directora de cine Margarida Ledo Andión...

Con motivo desta festa, Ismael González editou un libro titulado HOMENAXE A NEIRA VILAS E A BALBINO O NENO LABREGO, no que colaboraron 53 escritoras/es. No índice do mesmo figuran dous becerrenses: HELENA VILLAR JANEIRO e AFONSO BECERRA DE BECERREÁ.
A PIPA súmase á homenaxe a BALBINO e ao seu autor Xosé Neira Vilas, quen protagonizara, xunto á súa muller Anisia, a XIV NOITE POÉTICA A PIPA 2006, e da que gardamos un ledo recordo.

sexta-feira, 15 de maio de 2009

17 de MAIO: Día das Letras Galegas
A nosa Asociación Cultural A Pipa de Becerreá quere homenaxear ao intelectual galeguista Ramón Piñeiro, nacido en Láncara, e que ten parte da súa familia en Becerreá. Aos Piñeiro de Becerreá lembrámolos pola empresa de autobuses nos que algunhas e algúns de nós viaxamos. A Ramón Piñeiro lembrámolo polas súas verbas. A continuación reproducimos un fragmento:
"AUTOCONCIENCIA", por RAMÓN PIÑEIRO (1962)
O esforzo das derradeiras xeracións galegas tiña un obxetivo fundamental: recoller a nosa espiritoalidade, esmigallada durante varios séculos de inercia cultural, e darlle cohesión interna, conciencia de si e pulo creador. Só así se podía reconstruír a persoalidade de Galicia como pobo. Era unha empresa esforzada e urxente, porque a nosa conciencia colectiva tiña chegado aos lindeiros da atonía letal, estaba a piques de se deixar caer na escura sima da vida intrahistórica.
Temos que reconocer que, no seu núcleo esencial, este obxetivo ideal foi cobrando realidade crecente. Galicia ten hoxe conciencia do seu propio ser e dos direitos que lle son naturalmente inherentes. A fe das abnegadas minorías que souperon emprender o camiño do rexurdimento chegou a quebrar a códea da inmobilidade, da resignación, da pasividade fatalista e, sobre o corpo esmacelado da vella Galicia, foise configurando pouco a pouco a imaxen dunha Galicia nova. Hoxe sabemos cales foron os males que lle esmigallaron o espírito e cales son os remedios para lle desentangarañar o corpo.
Este primeiro paso cara a autoconciencia, cara o autoconocemento, era fundamental e decisivo. Sin esa conciencia do propio ser, sin ese sentimento colectivo da propia persoalidade e dos seus dereitos naturais, Galicia subsistiría como país mais deixaría de existir como pobo. Comezouse, é certo, por percurar esa persoalidade no pasdo histórico. Era o tributo aobrigado ao ambiente romántico inicial. Desde entón andivemos moito camiño. Hoxe non percuramos no pasdo histórico a fisonomía da nosa persoalidade colectiva. Percurámola direitamente nas súas manifestacións vivas e actuais. De aquel ollecer alimentado nos lagos encantados da evocación histórica pasamos a desenvolver unha creación cultural autóctona afincada nas grandes inquedanzas e nos horizontes do noso tempo.
Nese plano de creación cultural, a presencia de Galicia vaise afirmando de maneira cada vez máis decidida. Galicia manifesta así a realidade orixinal do seu ser xenuíno e a vontade de o desenvolver plenamente. Todo pobo leva en si unha orixinal posibilidade cultural. E todo pobo que desenvolve esa posibilidade ten, mesmo por eso, un posto activo na historia. Está xa camiñando na dirección renovadora.
Ben sabemos que non abonda con eso para desentangarañar o noso corpo social, que é, naturalmente, a máis punxente das nosas arelas. Para acadarémolo será precisa unha teimosa e intensa acción reformadora e anovadora que modifique a estruturación administrativa, económica e cultural do noso país. Pro non se chegará de veras a esta etapa sin antes desenvolver plenamente a anterior. Na mesma medida en que arraíce e se estenda a nosa vida cultural, estenderase e arraizará a nosa conciencia colectiva de pobo con persoalidade de seu e con vontade de a desenvolver.
Nesta conciencia fonda e rexa do propio ser é onde radica verdadeiramente o destino histórico do pobo galego. Sin eso valerían de ben pouco tódalas estruturas institucionais que se lle poidesen ofrecer como solución aos seus problemas.
1962
(en Olladas no futuro, Galaxia, 1974, pp. 166-167)

domingo, 12 de abril de 2009

segunda-feira, 30 de março de 2009

27 de marzo DÍA MUNDIAL DO TEATRO


Mensaxe Internacional do Día Mundial do Teatro.

De AUGUSTO BOAL.


Todas as sociedades humanas son espectaculares na súa vida cotiá, e producen espectáculos en momentos especiais. Son espectaculares como forma de organización social, e producen espectáculos como este que vostedes viñeron ver.Malia que inconscientemente, as relacións humanas estrutúranse de forma teatral: o uso do espazo, a linguaxe do corpo, a elección das palabras e a modulación das voces, a confrontación de ideas e paixóns, todo o que facemos no escenario facémolo sempre nas nosas vidas: nós somos teatro! Non só as vodas e os funerais son espectáculos, senón tamén os rituais cotiáns que, pola súa familiaridade, non nos chegan á consciencia. Non só pompas, senón tamén o café da mañá e os bos días, os tímidos namoramentos, os grandes conflitos pasionais, unha sesión do Senado ou unha reunión diplomática; todo é teatro. Unha das principais funcións da nosa arte é facer conscientes eses espectáculos da vida diaria onde os actores son os propios espectadores e o escenario é a platea e a platea, escenario. Somos todos artistas: facendo teatro, aprendemos a ver aquilo que resalta aos ollos, pero que somos incapaces de ver ao estarmos tan habituados a miralo. O que nos é familiar convértese en invisible: facer teatro, pola contra, ilumina o escenario da nosa vida cotiá.En setembro do ano pasado fomos sorprendidos por unha revelación teatral: nós pensabamos que viviamos nun mundo seguro, a pesar das guerras, xenocidios, hecatombes e torturas que estaban acaecendo, si, pero lonxe de nós, en países distantes e salvaxes. Nós, que viviamos seguros co noso diñeiro gardado nun banco respectable ou nas mans dun honesto corredor de Bolsa, fomos informados de que ese diñeiro non existía, era virtual, fea ficción dalgúns economistas que non eran ficción, nin eran seguros, nin respectables. Non pasaba de ser mal teatro con triste enredo, onde poucos gañaban moito e moitos perdían todo. Políticos dos países ricos encerrábanse en reunións secretas e de aí saían con solucións máxicas. Nós, as vítimas das súas decisións, continuabamos de espectadores sentados na última fila das bancadas.Vinte anos atrás, eu dirixín Fedra de Racine, en Rio de Janeiro. O escenario era pobre: no chan, peles de vaca; arredor, bambús. Antes de comezar o espectáculo, dicíalles aos meus actores: “Agora acaba a ficción que facemos no día a día. Cando crucemos eses bambús, alá no escenario, ningún de vós ten dereito a mentir. O Teatro é a Verdade Escondida”.Vendo o mundo, ademais das aparencias, vemos opresores e oprimidos en todas as sociedades, etnias, xéneros, clases e castes, vemos o mundo inxusto e cruel. Temos a obriga de inventar outro mundo porque sabemos que outro mundo é posible. Pero atínxenos a nós construílo coas nosas mans entrando en escena, no escenario e na vida.Asistan ao espectáculo que vai comezar; despois, nas súas casas cos seus amigos, fagan as súa obras vostedes mesmos e vexan o que xamais puideron ver: aquilo que salta aos nosos ollos. O teatro non pode ser soamente un evento, é forma de vida!Actores somos todos nós, e cidadán non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!

segunda-feira, 16 de fevereiro de 2009

Enviádenos fotos do Antroido de Becerreá 2009

A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá invítavos a publicar na súa web e no seu blog as fotos do Antroido de Becerreá.
Consideramos as festas do Antroido como unha manifestación da nosa cultura máis popular, por iso vos animamos a xogar á transgresión e ao disfrace.
Enviádenos as vosas fotos, poñéndelles o texto descritivo que xulguedes conveniente e nós publicarémolas na web. Para que o Antroido de Becerreá atope o seu espazo na rede.

Agardamos as vosas fotos en:

apipadebecerrea@gmail.com

Aniversario de María Xosé Queizán. Amiga da nosa Asociación Cultural

















A principios de febreiro celebramos o cumpreanos de María Xosé Queizán, escritora imprescindible das nosas letras e amiga da Asociación Cultural A Pipa, coa que colaborou en diferentes ocasións desde o ano 1998. Protagonizou dúas Noites Poéticas, o 28 de decembro de 1998 e o 27 de decembro de 2008, e tamén colaborou na Noite Poética con Cristal Méndez, o 28 de decembro de 2003. Ademais interveu na Homenaxe ao poeta Manuel María que celebramos o 2 de xaneiro de 2005.




segunda-feira, 19 de janeiro de 2009

Aniversario do nacemento de Uxío Novoneyra. (19 de xaneiro de 1930)

De pé, Xavier Fdez., Enma Fdez. Segura, Amparo Becerra e Xesús Antón Chao Penela.
Sentados, Almudena, Afonso Becerra e Uxío Novoneyra.




Deiteime na herba
cas maos nas meixelas.
(OS EIDOS)

I estes brazos inda son aqueles
que sosteron no souto a cabeza dos soños?

(POEMAS DA DOADA CERTEZA)
Na foto: Xesús Antón Chao Penela, Ana Chao, Uxío Novoneyra, Afonso e Amparo Becerra. O 28 de decembro de 1996, na I Noite Poética, no Hostal Herbón de Becerreá.


NEVA no bico do cume
neva xa pola ladeira
neva no teito e na eira.
.........................................
...........................................
........................................
Eu a ollar pro lume
i o lume a ollarme.
O lume sin queimarme
fai de min fume...

(D'Os Edidos de Uxío Novoneyra)
Día das Letras Galegas de 2010 pa Uxío Novoneyra

domingo, 4 de janeiro de 2009

FESTA 20 ANIVERSARIO D'A PIPA. Nadal 08.

De pé: Xavier Fdez., Rafa Ramos, Marta de Sinllán, Manuel Rivas, Isabel, Amparo Becerra, Abe Rábade, Alberte Bello e María do Cebreiro.
Anicados: Alicia Chao, Laura Cuervo, Afonso Becerra, Pablo e Amada.
Rafa Ramos, Amparo Becerra, Ana Contreras e Alicia Chao Penela.

Os actores Alberte Bello e Laura Cuervo con Afonso Becerra.



As actrices Víctoria Pérez (esqda.) e Laura Cuervo (dereita) coa escritora Mª Xosé Queizán (centro).


Cristal Méndez, Ana Contreras, Marta de Sinllán, Alicia Chao, Amparo Becerra e Alberte Bello.

FESTA 20 ANIVERSARIO D'A PIPA. Nadal 08.

Marta de Sinllán, Afonso Becerra, Alicia Chao e Amparo Becerra.
Vitoria Pérez, Mª Xosé Queizán, Alberte Bello, Afonso Becerra, Cristal Méndez, Ana Contreras, Marta de Sinllán, Alicia Chao e Amparo Becerra.

Pablo e María do Cebreiro, Xavier Fdez. e Almudena, Alberte Bello, ao fondo Rafa Ramos e Amparo Becerra.



Xavier Fdez., Laura Cuervo, Alberte Bello, Rafa Ramos, Abe Rábade, Pablo, Almudena.
Alicia Chao, Afonso Becerra, Amada, María do Cebreiro.
Marta de Sinllán, Manuel Rivas, Isabel, Amparo Becerra.

XVII NOITE POÉTICA A PIPA 08 CON MANUEL RIVAS. Casa da Cultura de Becerreá, 28-12-08.

Afonso Becerra, Manuel Rivas e Marta de Sinllán, durante a conversa pública, na XVII NOITE POÉTICA A PIPA 08.

XVI NOITE POÉTICA A PIPA 08 CON Mª XOSÉ QUEIZÁN. Casa da Cultura de Becerreá, 27-12-08.

Afonso Becerra, Mª Xosé Queizán e Marta de Sinllán, durante a conversa pública, na XVI Noite Poética A Pipa 08.

Escena d'O HEROE de Manuel Rivas. Dir. Afonso Becerra de Becerreá. Int. Laura Cuervo e Alberte Bello. Casa da Cultura de Becerreá, 28-12-08.

Escena de seducción entre Caronte, interpretado por Alberte Bello, e Lucía, interpretada por Laura Cuervo. Caronte é un EX... exboxeador, exlexionario... que vén da guerra do Sidi Ifni. Lucía, no verán canta coas orquestras de verbena e no inverno cose, ademais pertence ao grupo de resistentes contra o tirano. O HEROE de Manuel Rivas é un drama con vocación de traxedia, impregnado dese estilo poético que caracteriza toda a obra do autor.
Manuel Rivas foi o protagonista da XVII NOITE POÉTICA A PIPA 08 DE BECERREÁ, e parte da nosa homenaxe consistiu en ofrecerlle a posta en escena dunha das escenas centrais d'O HEROE.

NEURAS de Mª Xosé Queizán. Dir. Afonso Becerra de Becerreá. Int. Victoria Pérez e Laura Cuervo. Casa da Cultura de Becerreá, 27-12-08.

Escena da comedia de Mª Xosé Queizán titulada NEURAS. Victoria Pérez interpreta a Eva, unha transexual que non acaba de atopar á muller na feminidade do corpo. Laura Cuervo interpreta a Sara, unha psicóloga moi especial.

- 1º PREMIO Revista “A PIPA” 08 DE POESÍA, para Xosé Otero Canto, de Lugo, polo texto titulado “Celos da nao varada”.


Branca Rguez. (Delegada de Vicepresidencia) e Xosé Otero Canto (1º Premio Revista A Pipa 08).

- ACCÉSIT Revista “A PIPA” 08 DE RELATO, para Toño Núñez, de Lugo, polo texto titulado “Aquel sábado tráxico”.

Claudio Vázquez (Concelleiro de Cultura de Becerreá) e Toño Núñez (Accésit Revista A Pipa 08 de Relato).

- ACCÉSIT XUVENIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Pablo Santos Expósito, de Vilarguite, Cervantes, polo poema “O leito do meu corazón”.


Antón Bao (Vicepresidente da Deputación de Lugo) e Pablo Santos Expósito (Accésit Xuvenil de Poesía A Pipa 08).

- ACCÉSIT XUVENIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Ana Digón Caño, de San Pedro de Cervantes, polo texto titulado “As espifaniadas de Epifanio”.

Mª Xosé Queizán (escritora) e Ana Digón Caño (Accésit Xuvenil de Relato A Pipa 08).

- ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Sandra Fernández García, de Sobrado do Picato, Baralla, polo poema “Coas estación do ano [...]"

Branca Rguez. (Delegada de Vicepresidencia) e Sandra Fdez. García (Accésit Infantil de Poesía 08).

- ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para David Souto Veiga, de Baralla, polo poema “O Nadal”.

David Souto (Accésit Infantil de Poesía A Pipa 08) e Claudio Vázquez (Concelleiro de Cultura de Becerreá).

- 2º PREMIO INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Jesús José Rodríguez Cedrón, de Dumia, Cervantes, polo poema “A vida no pobo”.


Xesús Xosé Rguez. Cedrón (2º Premio Infantil de Poesía A Pipa 08) e Antón Bao (Vicepresidente da Deputación de Lugo).

- 1º PREMIO INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Antía Tacón García, de Pacios, Baralla, polo poema “Nevada unha semana antes do aniversario”.

Mª Xosé Queizán (escritora) e Antía Tacón (1º Premio Infantil de Poesía A Pipa 08).

- ACCÉSIT INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Aitor Sánchez-Arévalo Ramos, de Campa da Braña, Cervantes, polo texto “Os tres ollos do demo”.

Branca Rguez. (Delegada da Consellería de Vicepresidencia) e un familiar de Aitor Sánchez-Arévalo (Accésit Infantil de Relato A Pipa 08) que veu a recoller o trofeo no seu nome.

- 2º PREMIO INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Christopher Gutiérrez Amigo, de Noceda, Cervantes, polo texto “As aventuras de Marrana Jones”.


Claudio Vázquez (Concelleiro de Cultura de Becerreá), Mª Xosé Queizán (escritora), Christopher Gutiérrez Amigo (2º Premio Infantil de Relato A Pipa 08), Branca Rguez. (delegada da Consellería de Vicepresidencia), e Antón Bao (Vicepresidente da Deputación de Lugo).

- 1º PREMIO INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Tania López Rodríguez, de Vilarguite, Cervantes , polo texto “A cobra”.


María Xosé Queizán (escritora), Branca Rguez. (delegada da Consellería de Vicepresidencia), Tania López (1º premio infantil de relato A Pipa), Antón Bao (vicepresidente da Deputación de Lugo) e Amparo Becerra (Xerente da A.C. A Pipa).

ACTA DE PREMIOS DO 17 CERTAME LITERARIO A PIPA 08

17 CERTAME LITERARIO “A PIPA” 08 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA.
ACTA DO XURADO.

En Lugo, a domingo 21 de decembro de 2008, reúnese o Xurado do 17 Certame Literario “A PIPA” 08 da Alta Montaña Luguesa, composto por Alicia Chao Penela, (DNI. 33337368) actuando como presidenta do Xurado, por decisión unánime do resto dos compoñentes, do que forman parte Amparo Becerra Arrojo (DNI. 76575220) e Marta Rodríguez López (DNI. 76579427), en representación da Xunta Directiva da Asociación Cultural “A PIPA” (CIF. G-27181825). Logo de facer lectura de tódolos traballos recibidos, conforme ás bases establecidas deste 17 Certame, acorda concede-los seguintes premios:

Na Categoría Infantil (dos 8 ós 14 anos):

- 1º PREMIO INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Tania López Rodríguez, de Vilarguite, Cervantes , polo texto “A cobra”.

- 2º PREMIO INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Christopher Gutiérrez Amigo, de Noceda, Cervantes, polo texto “As aventuras de Marrana Jones”..

- ACCÉSIT INFANTIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Aitor Sánchez-Arévalo Ramos, de Campa da Braña, Cervantes, polo texto “Os tres ollos do demo”.

- 1º PREMIO INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Antía Tacón García, de Pacios, Baralla, polo poema “Nevada unha semana antes do aniversario”.

- 2º PREMIO INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Jesús José Rodríguez Cedrón, de Dumia, Cervantes, polo poema “A vida no pobo”.

- ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para David Souto Veiga, de Baralla, polo poema “O Nadal”.

- ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Sandra Fernández García, de Sobrado do Picato, Baralla, polo poema “Coas estación do ano hai que ter coidado”.



Na Categoría Xuvenil (dos 14 ós 18 anos):

- ACCÉSIT XUVENIL DE RELATO “A PIPA” 08, para Ana Digón Caño, de San Pedro de Cervantes, polo texto titulado “As espifaniadas de Epifanio”.

- ACCÉSIT XUVENIL DE POESÍA “A PIPA” 08, para Pablo Santos Expósito, de Vilarguite, Cervantes, polo poema “O leito do meu corazón”.


O Xurado declara desertos os Premios Xuvenís de Relato e Poesía.

Na Categoría Revista “A PIPA” para Maiores de 18 anos:

- ACCÉSIT Revista “A PIPA” 08 DE RELATO, para Toño Núñez, de Lugo, polo texto titulado “Aquel sábado tráxico”.

- 1º PREMIO Revista “A PIPA” 08 DE POESÍA, para Xosé Otero Canto, de Lugo, polo texto titulado “Celos da nao varada”.

- ACCÉSIT Revista “A PIPA” 08 DE POESÍA, para Emilio Silva Otero, de Ferrol, polo texto titulado “Se ha vir, seguro que virá”.


O Xurado declara deserto o 2º Premio Revista “A PIPA” 08 de Poesía para maiores de 18 anos.


O Xurado acorda que os galardóns deberán ser recollidos polos premiados ou os seus representantes durante o acto de entrega que máis abaixo se sinala, ou no prazo máximo dun ano a partir do mesmo. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Cultural “A Pipa” de Becerreá.

Os premios desta 17 Edición do Certame Literario “A PIPA” 08 da Alta Montaña Luguesa, no que colaboran as Delegacións Provinciais das Consellerías de Cultura e Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Becerreá, serán entregados pola escritora María Xosé Queizán mailos representantes das institucións colaboradoras, nunha Cerimonia que se celebrará no Casa da Cultura de Becerreá, o sábado 27 de decembro de 2008, ás 21 horas. A continuación da cal terán lugar a XVI Noite Poética na que a autora homenaxeada será entrevistada por Marta de Sinllán e Afonso Becerra. A continuación, o espectáculo teatral “Neuras”, a partir do libro Antígona. A Cartuxeira. Neuras. de María Xosé Queizán, interpretado por Laura Cuervo e Vitoria Pérez, baixo a dirección escénica de Afonso Becerra de Becerreá. De seguido haberá un recital da propia autora. Ao final do acto tódolos asistentes están convidados a uns pinchos e a un brinde de nadal.

ALICIA CHAO PENELA
Presidenta do Xurado.
En Lugo, a 21 de decembro de 2008.